Wednesday 15 de May de 2024

Valentín González Formoso estará na Laracha mañá para asistir a un acto propagandístico do PSOE local, desde o Partido Popular propoñémoslle un itinerario que lle permitiría aproveitar a súa visita para coñecer o estado actual das estradas provinciais ó seu paso polo termo municipal da Larach


Tendo coñecemento de que Valentín González Formoso estará na Laracha mañá para asistir a un acto propagandístico do PSOE local, desde o Partido Popular propoñémoslle un itinerario que lle permitiría aproveitar a súa visita para coñecer o estado actual das estradas provinciais ó seu paso polo termo municipal da Laracha. E facémolo despois de reclamar a mellora por diferentes vías, incluso con iniciativas aprobadas por unanimidade no Pleno da Corporación municipal, sen obter aínda a súa resposta como presidente da Deputación da Coruña.

Animamos a Valentín González Formoso a que comprobe por si mesmo o estado actual da DP-1913, a estrada que vai da Laracha a canteras El Pozo onde enlaza coa estrada comarcal en Culleredo. É a principal vía de acceso das parroquias de Coiro, Soandres e Erboedo, tamén dirixe ó aeroporto, á Coruña pola terceira rolda, á A-6 e, ademais, soporta tráfico pesado ao servir de comunicacións entre os parques empresariais da Laracha, Carballo, Ledoño e Cerceda. Os últimos datos oficiais sobre o tránsito son de 2015, ano no que circulaban por ela 4.000 vehículos diarios, case a metade deles pesados. A día de hoxe o incremento do tráfico con respecto a esa data é moi notable. Sen embargo, a estrada non presenta as condicións de seguridade oportunas: a plataforma de circulación é reducida, os carrís non están separados por marcas viarias e non dispón fóra dos tramos urbanos nin de espazos diferenciados para o tránsito peonil nin beiravías.

Tamén queremos que vexa a situación actual da Avenida López Astray e o que suporía para A Laracha a súa humanización nas condicións detallas no proxecto presentado polo concello á Deputación co que pretende converter a céntrica rúa nun lugar máis accesible e no que se optimice o equilibrio entre os peóns e os vehículos.

Tanto para a mellora da DP-1913 como para a humanización da Avenida López Astray hai acordos no Pleno do concello por unanimidade e trasladados á Deputación da Coruña.

Ademais, sería conveniente que Valentín González Formoso tamén se pasase pola estrada de Caión (DP-0513) para coñecer os problemas de seguridade que presenta, e pola DP-2404, onde o tramo máis próximo á Silva está sen rematar.

Desde o Partido Popular lamentamos que Valentín González Formoso só se acorde da Laracha para os actos propagandísticos do seu partido ós que acude como secretario xeral do PSOE. Para os veciños sería de moito máis interese que o fixese para asumir as súas responsabilidades como presidente da Deputación da Coruña que lle leva negando á Laracha desde que accedeu a ese posto.

En vista diso, o grupo provincial do Partido Popular presentará no próximo Pleno da Deputación unha iniciativa dirixida a que se cumpran eses acordos plenarios do concello da Laracha nos que se reclama a mellora das estradas provinciais.